domingo, 18 de marzo de 2012

O Blog como ferramenta na Orientación Educativa


Seguindo coa idea de crear un blog para o departamento de orientación comentaremos agora este documento de Daniel Veiga, orientador do IES García Barbón de Verín (Ourense).
Empezarei por dicir que a pesares que boa parte do documento se centra nun blog de orientación como Guía de información académica e profesional, é dicir basicamente dirixido á educación secundaria, poderiamos pensar que aos que somos orientadores de primaria non nos interesará este documento, pero nada máis lonxe, xa que dende as primeira páxinas quere facernos ver o útil que pode chegar a ser un blog para o noso traballo, xa non como orientadores, senón como educadores; e non so útil, tamén sinxelo e gratis, e que potencia a participación, a interactividade, que posibilita a sindicación de contidos-RSS-(informarse de maneira automática) e incluso podémolo empregar como un sistema de almacenamento e organización da información que vamos atopando en internet e que a maioría de nos, como moito, a colocamos nos favoritos do noso navegador. En definitiva que o blog pode ser un bo espazo de aprendizaxe que permite variadas aplicacións pedagóxicas.
Pero non se limita a falar das bondades educativas dos blogs, pasa rapidamente ao práctico, nos vai dicindo, paso a paso e dende o principio, como e con que ferramentas planificar, crear e manter o noso blog.
Recoméndanos crealo con BLOGIA que é gratis, posibilita clasificar os artigos por temas, un buscador interno, plantillas para o deseño do blog, ligazóns, copia de seguridade, sindicación de contidos (RSS),etc; pero tamén nos fala da posibilidade de crealo en galego con BLOGOTECA ou con BLOGALIZA.
Unha vez creado suxírenos que nos aproveitemos das vantaxes de Blogia Plus, que podemos instalar un contador de visitas, darnos de alta no buscador Google, así como na páxina de Aulablog, que ten unha chea de recursos.
Non podemos esquecernos tampouco de rexistrarnos en Bloglines, aplicación que nos da a posibilidade de informarnos de xeito automático, para elo o documento guíanos na forma de facelo. 
Non deixa de sinalar que é básico ter claro para que queremos crear o blog, cales van ser as súas finalidades e funcións; en definitiva cales van ser os Temas ao redor dos cales vamos a organizar a información, recursos… que vamos a engadir no noso blog; temas que co paso do tempo irán ampliándose.
Tamén nos indica unha serie de estratexias e de recursos de internet que nos axudarán ao mantemento e creación de contidos do blog. Algúns deles son: o servizo de alertas de Google, a utilización do servizo de sindicación de contidos para ler información actualizada de múltiples páxinas web de interese, un servizo de correo electrónico para o almacenamento de información sen problemas de cantidade, suscripción a diferentes monográficos e publicacións relacionadas coa educación…
Finalmente tamén nos deixa ademais de bibliografía, as direccións web de moitas aplicacións que poderían interesarnos no noso traballo orientador, e a dirección de varios blogs que nos axudarán na creación, utilización recursos para o noso blog de orientación.
En resume un documento moi interesante, que anque algo antigo, un pouco desorganizado e con algunhas das direccións recomendadas obsoletas, útil para iniciarnos no mundo dos blogs educativos.

El Blog como herramienta de Orientación


Se no primeiro artigo remataba falando de motivos para que os orientadores nos embarcáramos na creación dun blog, neste segundo seguiremos incidindo no mesmo tema, comentando agora este documento de Mª Carmen Delgado Lendínez, orientadora dun colexio de Cádiz, sobre o seu blog “http://orientagades.wordpress.com/”.
A autora comeza cóntanos que se iniciou neste mundo dixital creando unha Web dedicada á orientación ata que se decatou do potencial, dinamismo e sinxeleza dos blogs, có que ela pretende basicamente incorporar as TICs á labor orientadora.
E nesta labor o primeiro é dotar ao alumnado das ferramentas necesarias para facelos competentes dixitais. Axudalos a ser máis autónomos, a aprender onde atopar información, cuestionando a súa fiabilidade e contrastándoa, para que esta sexa útil. Así, nos di, que un 1º obxectivo do seu blog sería proporcionar ferramentas e información relevante para a toma de decisións vocacionais, tanto ao alumnado como á familia, á que se lle ofrece tamén materiais de interese para formarse nos temas relacionados coa educación dos seus fillos.
O 2º obxectivo do seu blog, de utilidade para o traballo orientador, pensa que sería o de recopilar recursos, webs, ferramentas para a formación, materiais, etc. relacionados coa orientación e co mundo da educación en xeneral. Toda esta información, colocada no blog dun xeito organizado, estará así totalmente accesible, tanto para nos como para a xente que o visita. E se, ademais, utilizamos a suscripción e un lector RSS para estar ao día das novidades que se publiquen nestas páxinas, gañaremos moito tempo e estaremos ao día.
En terceiro lugar, pretende proporcionar aos titores e ao profesorado en xeneral materiais de utilidade para a acción titorial: técnicas de estudio, titorías interactivas, guías sobre ciberbullying, redes sociais, anorexia, materiais das probas de diagnóstico, educación en valores, para la convivencia, educación para a saúde, etc.
Por último, dinos que a propia demanda dos usuarios impúxolle un novo obxectivo: informar das posibilidades a nivel de títulos que ofrece o sistema educativo de "reincorporarse " ao mesmo, aspecto que resulta que é o máis visitado do blog.
Logo, fálanos polo miúdo da estrutura e dos recursos do seu blog, que como todos está estruturado en categorías (de educación secundaria) e etiquetas, organizadas en forma de nube segundo a relevancia das entradas. As barras laterais conteñen informacións, enlaces, presentacións… que se queren destacar en determinados momentos. Tamén inclúe páxinas estáticas con temas de interese para os seus usuarios, alumnado e familias de secundaria.
Finalmente fai unha reflexión sobre a dedicación que supón o blog, unha vez que empezas, sempre estás activo, tes novas ideas para melloralo, novos contidos que engadir e a isto vese incrementado pola gran diversidade e amplitude de contidos que existen dentro da orientación. E que se fixeramos de internet unha verdadeira comunidade de aprendizaxe o noso traballo sería máis doado.
Como vedes é un sinxelo artigo sobre o que é un blog, que nos axuda e serve de guía a os que como eu se está iniciando neste mundo, e nos fai ter presente que  hoxe en día temos que poñernos ao día nas ferramentas dixitais para empregalas no noso traballo como orientadores, como educadores, e traballando, a ser posible, dun xeito colaborativo e compartindo, para así ser máis eficaces e aforrar esforzos e tempo.

Docente: 8 motivos para crear o teu blog en 2012


Xa que empezamos una nova experiencia educativa creando este blog, non está demais que o primeiro artigo que publique sexa para recomendar a tódolos docentes a lectura deste documento do blog de TotemGuard que nos fala precisamente dos beneficios de crear un blog.
Ven a dicirnos que cada docente que crea un blog ten os seus propios motivos, pero que regularmente entre todos eles se repiten sistematicamente 8 motivos:
1. Reflexionar a posteriori sobre a evolución do teu traballo e pensamento
2. Progresar en competencias TIC
3. Comunicar con outros profesionais da educación
4. Conectar cos alumnos e pais
5. Mellorar a presentación oral e escrita
6. Desenrolar o teu lado máis creativo
7. Expandir as túas oportunidades profesionais
8. Cambiar a imaxe pública do docente
Se estes motivos poden ser suficientes para iniciar un blog, no meu caso concreto, que son orientador, ademais poderiamos engadir sen dúbida:
● Poder acceder á documentación que queiran compartir con nos os profesores e outros orientadores, de forma privada e segura.
● Axúdanos a ser un facilitador de ferramentas, un animador de cambio, de inclusión das TIC na educación e dinamizador de entornos comunicativos dixitais, un difusor de información de todo tipo…
● Ofrecer ás familias materiais de interese para formarse nos temas relacionados coa educación dos seus fillos.
● Poder resolver as súas dúbidas puntuais sen necesidade de concertar unha entrevista.
Ademais, ó quedar as preguntas e as respostas publicadas poden servir a outras persoas con interese nos mesmos asuntos.
● Recopilar recursos, webs, ferramentas para a formación, materiais, etc.
● Proporcionar aos titores e ao profesorado en xeneral materiais de utilidade para a acción titorial : técnicas de estudo, titorías interactivas, guías sobre ciberbullying, redes sociais, materiais das probas de diagnóstico, educación en valores, para a convivencia…
● E moitos outros motivos, nos que seguro que xa estades pensando.