viernes, 25 de mayo de 2012

O rol dos pais e da familia na educación dos fillos

Cando vin por casualidade, no xornal ABC o título "Se educamos os nenos como demócratas, teremos ditadores" non tiven mas remedio que interesarme en quen podía  ser o que dicia esa frase que non paraba de dar voltas na miña cabeza. É un francés, nacido en Libia, Aldo Naouri, pediatra especializado en relacións intrafamiliares, sobre as que escribiu éxitos como "Fillas e Nais", "Pais permisivos, nenos tiranos ", "Educar os nosos fillos. Unha tarefa urxente. "
Os seus traballos analizan as relacións dentro da familia, especialmente a de pais e fillos, sostendo que a educación dos fillos debe ser feita con autoridade e cariño, pero nunca con permisividade.
É defensor da autoridade como o principal alicerce da educación. Para el, é esencial pór barreiras ós pequenos, limitando o seu poder e evitando que se fagan uns "tiranos". "Os pais permisivos son a peor influencia para os nenos, acaban facéndose "escravos" dos seus propios fillos."
Destaca a importancia que os pais aprendan a dicir "non". "É esencial que o neno saiba que non ten o poder da casa, que non pode dominar os seus pais e que nin con bágoas ou chantaxes vai conseguir o que quere."
Segundo Naouri, o neno é moi egoísta, que naceu e se move por impulsos non controlados, polo que é esencial aprender a educalo. "A autoridade está en facer cumprir as ordes ó neno, sen ter que dar explicacións a iso". "Se hai que decirlle "pon o abrigo" ou "come iso", díselle sen ter que dar explicacións." Pois para Naouri, o neno non é quen de comprender e asimilar como adultos. "O gran erro dos pais hoxe é que colocan os seus fillos no seu mesmo nivel, dialogan con eles, tentan razoar, cando iso é imposible."
Comeza a entrevista reproducida abaixo dicindo que se educamos os nosos fillos como demócratas obteremos dictadores, pero se os educamos como fascistas, obteremos demócratas.
Recomenda educar mantendo a relación vertical que debe existir entre pais e fillos, sen terse que xustifican sempre ante eles, porque os nenos non son os nosos iguais, están por baixo e somos os adultos quen decidimos.
Se os tratamos como a iguais, vai pensar que ten a verdade, que está ao mando, cando non debería ser así.
Avoga polo castigo como unha forma de educar excelente, non corporal, pero usar o illamento, porque o neno lle gusta comunicarse. A duración do castigo debe impoñela o pai, inmediatamente e, dependendo da gravidade.
Recomenda cambiar o slogan de "os fillos o primeiro" por "a parella o primeiro." E non facerse amigo do neno, porque os nenos non son os nosos amigos, son os nosos fillos.
Naouri, en definitiva ten como obxectivo crear debate, iniciar unha reflexión sobre o papel educativo dos pais nunha sociedade en mutación.
É un reaccionario anticuado e retrógrado, ou un modelo de sensatez e de sentido común?
Democratas-Dictadores



 Reseña dos seus libros máis polémicos
Pais permisivos, nenos tiranos (2005)
É unha contundente e polémica crítica á pedagoxía que nace nos anos sesenta segundo a cal os pais non deberían negar nada aos nenos, senón que terían que convertelos no valor supremo en torno ao cal xirase a súa vida.
Afonda nun problema ao que Naouri achega a teoría de que os nenos teñen que ser educados na disciplina e ao que os pais deben recuperar o seu papel de educadores.
Entronca a crise entre pais e fillos coa realidade política sobre a que se construíu Europa na segunda metade do século XX. Os países desenvolvidos estaban aínda moi marcados polas ditaduras e "non estaba ben visto todo o que soase a autoritarismo". Con este panorama as futuras xeracións de homes e mulleres chegaron a pais coa teoría de ser tolerantes.
Pero as consecuencias foron catastróficas, asegura Naouri, porque "a eses nenos que nada se lles impón, se lles deixa a expensas das súas pulsións".
Considera que o actual modelo educativo non mellorou as relacións familiares nin creou individuos máis responsables e felices. Pola contra, os nenos dan mostras de angustia dende idades temperás e móstranse egoístas.
A súa proposta é que a familia actual debe adoptar da familia tradicional elementos que seguen sendo favorables ao desenvolvemento de individuos responsables. Pon o acento no valor educativo da frustración para evitar que haxa “nenos tiranos”, que só tiveron como referencia o pracer dende que naceron.

Educar os nosos fillos. Unha tarefa urxente (2008)
Anos de educación permisiva crearon unha xeración de nenos maleducados.
Acheganos unha reflexión e consellos prácticos sobre como educar os nenos dende o berce. Sinala a importancia da autoridade e os límites que, xunto co amor e o cariño, necesitan os nenos.
Cando os nosos fillos se descontrolan, é hora de facerse preguntas reais. As condicións sociais non o explican todo, !e o amor non abonda!
¿E se a causa do problema radicase nun déficit de reflexión sobre o que debe ser a educación dos nosos fillos? A vida en sociedade esixe que cada un acate certas regras e as faga súas. É o principio de toda educación, e estámonos a apartar perigosamente del.
Pero ante todo hai que saber que é un neno, que necesita realmente para converterse en adulto, como temos que comportarnos con el. E sobre todo como debemos, dende os primeiros anos, decisivos, exercer o mellor posible o, a miúdo, complicado oficio de ser pais.
A visión dun pediatra sobre os fallos e carencias na nosa forma de educar os fillos.

Artigo de "La Vanguardia" publicado nas mesmas datas que a entrevista a Aldo Naouri
NÚRIA ESCUR – Barcelona
Son o teu pai, non o teu amigo
Cando os nenos sobreprotexidos acaban sendo adolescentes conflitivos
 Contan que na súa consulta, ante a pregunta dunha nai preocupada - "¿como debo educar o meu fillo?"-o mesmo Freud contestou: "Como lle dea gana. ¡De tódolos xeitos estará mal!". Ante esa imposibilidade de ser infalible, xorden correntes que empezan a poñer en tea de xuízo prácticas educativas xeradas na década dos sesenta como revulsivo contra unha educación represiva e humillante. Naceron para corrixir a pésima herdanza do xarope de pau e "a letra con sangue entra". Agora, na outra beira, atopámonos con nenos de infancia plácida que crecen en burbullas permisivas, sen un só límite e con máis capacidade de acción que de reflexión. Deséñanse adolescentes tiranos que se cren coa autoridade moral de manexar o mundo, e aos que viven nel, ao seu antollo.

Teresa Pont Amenós traballou durante dez anos nos xulgados de Barcelona. Probounos todos: de menores, de familia, instrución, penais. Reclamábana -pola súa experiencia como psicoterapeuta e especialista en criminoloxía- en casos de adolescentes conflitivos. "O que me sorprendeu é que, en moitos casos, ao lado dun delincuente novo había unha nai permisiva. Nais que me preguntaban ¿como pode ser, se o tivo todo? Esa era a miña alerta, a frase. Precisamente por iso, señora".

Os profesionais empezan a enfrontarse a un cambio no perfil prototípico de adolescente conflitivo. "Antes era sinónimo de familia desestruturada, barrio baixo, nulas posibilidades. Agora atopámonos con familias acomodadas, rapaces con formación e, iso si... sen límites". Insiste Pont en que a sociedade actual favorece un círculo vicioso: pais estresados que chegan á casa tarde e de mal humor "e para calmar o seu sentido da culpabilidade lle compran todo o que pide. Eses rapaces nunca interiorizarán valores intanxibles como o esforzo, a espera, o aforro. Non teñen nin idea diso".

Unha advertencia rodea as reflexións de pedagogos e xuristas: se non pos límites ao teu fillo o estás a facer un mal favor. Déixalo indefenso ante as frustracións futuras. Sen recursos para afrontar a crise actual ou as que queden por vir. Por iso recomendan un cambio de actitude: "Os pais non deben ter medo ao “non”. Hai rapaces que están a pedir a berros que os freen porque xa se perderon. Pero se o “non” vai acompañado de palabras, recórdalle que o ti eres o seu pai ou a súa nai, non o seu amigo".

Ou somos conscientes desta circunstancia -insiste Teresa Pont- ou "cada vez ímonos atopar nos xulgados con máis rapaces rebeldes, fillos de familias acomodadas, convertidos en skins perigosos. O peor dos seus pais é que van tan desbordados que lles admiten todo. Pero esquécenlles dar lles criterio. Niso son orfos".

Cada vez hai máis nenos con síndrome do emperador. Crense o centro do mundo. Aldo Naouri, pediatra e máxima autoridade en Francia, atreveuse a augurar que se non se toman medidas -se a mala educación das xeracións continúa- perigarán mesmo os niveis superiores de ensino. En 20 anos pode non haber ninguén en condicións de dedicarse á investigación. Suxire que estamos a criar futuros fascistas: "Á fin e ó cabo ¿que é un fascista se non un individuo inmerso, por moi adulto que sexa, no seu infantil poder absoluto". Os adolescentes, engade, non só cren que poden telo todo, senón que teñen dereito a todo.

Anna Berga, doutora en Socioloxía, profesora das Escoles de Treball Social i Educació Social de la Fundació Pere Tarrés, advirte que en canto a violencia xuvenil hai moito falso mito. "A conduta incivilizada agora si se considera un problema novo. Cando as condutas aberrantes as protagonizan adolescentes de clase media, de ámbitos familiares “normalizados” non atopamos explicación e acabamos por empregar o cualificativo de violencia gratuíta. Pero non é máis que a nosa incapacidade para comprender as súas razóns".

miércoles, 2 de mayo de 2012

E-MINTZA, APLICACIÓN GRATUÍTA PARA FACILITAR A COMUNICACIÓN DE PERSOAS CON AUTISMO


A aplicación e-Mintza é un sistema personalizable e dinámico de comunicación deseñada para persoas con autismo ou barreiras severas de comunicación oral ou escrita e que permite ó usuario comunicarse con outras persoas usando tecnoloxía táctil e multimedia.
e-Mintza, desenvolvido en Euskadi, e que se traduce como fala electrónica é un programa de descarga gratuita facilmente personalizable en termos de linguaxe utilizada, características, textos, imaxes, vídeos ou sons, dependendo das necesidades ou intereses dos usuarios, que poden interactuar a través dun dispositivo de tipo pantalla táctil tablet, pero tamén usando o rato, no caso dun ordenador de pantalla non táctil.
Entre os seus usos destaca a axenda, na que o usuario pode poñer un plan temporal secuenciado de ata seis actividades ao día ou espazo temporal.
Outra característica de e-Mintza é a capacidade de personalizala con fotos persoais en vez de pictogramas ou letras. Tamén inclúe a posibilidade de engadir vídeos.
Dispoñible en castelá e euskera, deixa seleccionar pictogramas de obxectos ou accións que ó presionalos reproducen unha voz. Para crear frases completas só hai que escoller ata seis palabras e colocalos na pizarra.
Aínda que o programa inclúe 400 termos agrupados en 12 bloques, pode almacenar ata 10.000 palabras. Só hai que sacar unha foto dun obxecto, dun alimento ou xoguete, escribir o seu nome e engadilo á colección, personalizando así os grupos, dependendo do desenvolvemento do usuario.
Neste enlace de e-Mintza tendes toda a información, manuais, descarga do programa …

CLOUD COMPUTING ou TRABALLAR NA NUBE


“Cloud computing” – “Traballar na nube”, refírese basicamente a que unha persoa, en calquera momento e en calquera lugar, con aceso a un ordenador básico (ou tamén un teléfono móbil, unha PDA…), e simplemente cunha conexión a internet e un navegador, pode ter cubertas todas as súas necesidades informáticas, é dicir pode traballar, compartir, gardar e recuperar, comunicarse …, mediante servizos e aplicacións de Internet, e polo tanto sen ter que telos instalados no seu equipo persoal.
Polo tanto a idea do cloud computing baséase en suministrar dende Internet as aplicacións que usamos máis habitualmente no noso PC, de xeito que esteamos onde esteamos poidamos empregalas.

WEBQUEST


Unha webquest é unha actividade de busca informativa guiada, na que a información usada polos alumnos é obtida de Internet, é dicir, usamos Internet como recurso educativo. A primeira Webquest deseñouna a mediados dos 90, Bernie Dodge.
As Webquest deséñanse para rentabilizar o tempo do alumnado, centrando a actividade no uso da información, máis que na súa busca, e para apoiar a reflexión do alumnado nos niveis de análise, síntese e avaliación. Se constrúe arredor dunha tarefa atractiva e realizable que involucra desde a adquisición e organización do coñecemento, ata a extensión e procesamento do mesmo. Polo tanto trátase tamén de evitar o habitual copia e pega que soe facerse con internet.
As webquests manteñen unha estrutura xeral na que se establecen unha serie de apartados:
• Unha introdución que contextualiza o traballo que se vai a desenvolver e que debe ser clara e concisa.
• Unha tarefa que describe concretamente o traballo que se vai realizar.
• Os recursos, sitios web fundamentalmente, onde atopar a información necesaria.
• O proceso que determina o modo, paso a paso, no que se obterá a información para levar a cabo con éxito a tarefa por parte dos alumnos/as.
• A avaliación que establece o método de cualificación da  actividade.
• E unhas conclusións finais que repasen o que aprenderon os alumnos/as e como pode ser aplicado a outros temas.
É dicir, que a través das webquest o profesorado pode crear actividades de maneira guiada, cunhas premisas claramente establecidas e baseándose principalmente en recursos procedentes de internet e actuando de guía, na busca destes recursos . Pola súa banda os alumnos teñen que facer un uso lóxico e práctico da información, esixíndolles unha actitude activa e crítica para a resolución de problemas, análises ou sínteses que se plantexen.
Finalmente deixo aquí diversos enlaces sobre webquest:
  Recopilación de webquest por áreas e materias. Moitas en catalán

UTILIDADE EDUCATIVA E ORIENTADORA DOS WIKIS


Os wikis son un tipo de páxina web que manteñen unha estrutura de libro, cun índice e os distintos capítulos, e o seu contido pode ser creado e tamén editado de xeito colaborativo, fácil e rápido por múltiples usuarios, e dende calquera lugar que teña aceso a internet.
Os usuarios dunha wiki poden crear, modificar ou borrar o contido dunha páxina web, de forma interactiva, fácil e rápida; ditas facilidades fan do wiki unha ferramenta efectiva para a escritura colaborativa. Esta ferramenta permite que páxinas web aloxadas nun servidor (as páxinas wiki) podan ser escritas a través dun navegador web, utilizando unha notación sinxela para dar formato, crear enlaces, etc, conservando un historial de cambios que permite recuperar facilmente calquera estado anterior da páxina.
Isto os fixo moi populares para facer construcións colectivas, sobre temas específicos, nos cales os usuarios teñen liberdade para adicionar, eliminar ou editar contidos.
Algúns dos usos que poden darse ós Wikis educativamente son:
·     Promover a comunicación entre estudantes dunha mesma clase para intercambiar ideas, traballar en equipo, deseñar, visualizar instantaneamente o que producen, etc.
·   Desenrolar habilidades de colaboración.
·   Elaborar textos.
·  Recoller información e extraer dela so o que é útil e pertinente para o traballo que están facendo.
·  Reelaborar libros de texto dotándoo de sentido persoal e colectivo.
· Enriquecer traballos en grupo con elementos multimedia como videos, sons, imaxes, animacións, etc.
·  Presentar traballos.
·  Revisar e corrixir traballos por parte dos profesores/as.
·  Crear contidos tanto docentes como estudantes. Ademais, facilita que grupos de docentes elaboren colectivamente recursos de aprendizaxe para seus alumnos/as.
·  Elaborar Boletíns Escolares. Un Wiki pode converterse nun medio de comunicación gratuíto entre un centro e a comunidade escolar.
· Levar a cabo Proxectos Colaborativos entre grupos de estudantes que se atopan en diferentes partes do mundo. 
Como vemos os wikis ofrecen un gran potencial no seu uso, tanto entre os diferentes compoñentes dos centros educativos (profesorado, alumnado, familias, orientador, equipo directivo), como destes compoñentes con outros doutras comunidades educativas.
¿Onde podemos crear wikis?
Wikispaces (en línea)                     Wikispaces, rexistro e guía de uso

       MediaWiki (software descargable que é utilizado por Wikipedia)